O Grove (Pontevedra), 6 de outubro de 2022. O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, visitaron hoxe o mercado municipal de O Grove, onde destacaron o papel do asociacionismo no impulso aos mercados e prazas de abastos. Nese senso, a Asociación de profesionais desta praza de abastos colabora cada ano coa Administración Autonómica na posta en marcha de diferentes actuacións e campañas, obtendo apoios que se achegan aos 60.000 euros nos últimos cinco años.
Nese eido, a Xunta puxo en marcha recentemente un novo programa de axudas para continuar impulsando a dinamización das prazas de abastos e a creación dunha rede de mercados excelentes nos municipios galegos. A convocatoria, cuxo prazo de presentación de solicitudes finaliza hoxe, contempla axudas tanto para os concellos como para as asociacións e federacións de praceiros.
Ademais, a Administración autonómica está a impulsar diferentes accións de reactivación do consumo, entre as que destaca a segunda edición dos Bonos Activa Comercio, que se porá en marcha proximamente. Este programa impulsado pola Vicepresidencia Primeira e a Consellería de Economía, Industria e Innovación permitirá mobilizar máis de 17 millóns de euros en compras, fomentando así o consumo nos comercios locais. Os clientes poderán acceder a un vale desconto por valor de 30 euros para as compras nas tendas participantes. Cun orzamento de 5 millóns de euros, este programa da Xunta súmase ás diferentes liñas de axudas específicas para o comercio galego promovidas pola Vicepresidencia Económica, centradas en ámbitos como a transformación dixital e a modernización do sector.