15-01-2019
As churrascadas son as protagonistas de calquera comida ou cea de verán que se prece. Pero, como podemos asegurarnos o éxito? Pode parecer sinxelo, pero escoller a materia prima correcta para elaborar unha boa churrascada tamén ten os seus segredos. Nós recorremos ao consello dun experto: Jaime Rodiño, de Carnicería F. Rodiño, na Praza de Abastos de Sanxenxo. El daranos as claves para facer as delicias dos nosos convidados e ter o triunfo garantido.
1. Pode parecer que as churrascadas son ‘sota, cabalo e rei’: costela de tenreira, de porco e crioulos. Pero non podemos esquecernos dos complementos. Se incorporas algo distinto, marcas a diferenza.
2. É importante presentar varias carnes. Podemos incluír tenreira, porco, chourizos, polos, salchichas... Hoxe en día hai moitas ‘manías’ coa comida, e así intentamos ter para todos os gustos.
3. A costela é un clásico, sobre todo a de porco. É a carne máis económica e gusta a todo o mundo. Tamén é máis xugosa e máis veteada que outras opcións.
4. No caso da tenreira, a carne ten máis graxa. É un pouco máis difícil de facer na grella, porque en xeral os anacos son máis grosos. Pero vai a gusto de cada consumidor.
5. O corte da carne é algo que tamén pode elixir o cliente en función do seu gusto. A costela, tanto de porco como de tenreira, pode ir con máis carne ou máis fina para que se faga mellor.
6. Eu aposto polo adubo sinxelo e máis natural, sen agochar o sabor do produto. Pimentón, allo, perixel e aceite, sen cargar moito. Así sabes se a carne é boa.
7. En canto ao tempo necesario para adubar a carne, recomendo que se faga no mesmo día. Así colle algo de gusto pero non chega a cargarse moito nin a camuflar o sabor. Como moito, dun día para outro.
8. Os chourizos crioulos poden ser artesanais ou de fábrica. Os primeiros fanse frescos; os segundos, veñen envasados ao baleiro e poden levar prensados ata 15 días. Son cousas moi distintas.
9. Os crioulos que son artesanais sempre collen un pouco de aire ao embutilos nas máquinas. Por iso recomendo pinchalos para evitar que abran no medio ao poñelos na grella.
10. Como diciamos, hoxe en día hai moitas manías e gustos á hora de comer, e as grelladas adáptanse perfectamente. A panceta á brasa ou a tenreira mainiña son outros dos produtos que están de moda.