14-03-2019
Despois de cincuenta e cinco edicións ás súas costas, ninguén dubida do peso que a Festa do Marisco de O Grove gañou ao longo dos anos. Milleiros de persoas pasan pola carpa do Corgo nos días que dura a cita, unha das festas gastronómicas por excelencia. Pero, como afecta isto á praza de abastos? “Notamos moito impacto. Na Festa do Marisco multiplícase o número de habitantes da vila e é como estar outra vez na época do verán”, asegura o presidente dos praceiros. David Bea destaca a estacionalidade do mercado meco: durante as épocas altas de turismo, sobre todo no verán, a praza énchese ata arriba. Pola contra, no inverno está máis parada a venda. É no inicio desta etapa de máis tranquilidade, a principios de outubro, cando o municipio entrégase á celebración da súa Festa do Marisco.
Os postos e mesas da cita instálanse nunha gran carpa que ocupa a praza do Corgo e envolve o edificio do mercado. Nun principio podería parecer que o fai menos visible, pero segundo o presidente todo o movemento que xera a festa remata por beneficialos. “Non é un problema. A xente vai á festa e despois, como o mercado está nesa zona, entran a curiosear”, explica David. “O edificio non se ve nun principio, pero deste xeito nós estamos no centro da Festa do Marisco, que é o que atrae a toda a xente”. Recoñece que os postos de venda de marisco son os que se ven máis beneficiados polo movemento desas xornadas. “Aínda que moitos xa comen o marisco que mercan preparado na carpa, outros entran a comprar o que temos na praza. Por iso aprovéitase o tirón traendo máis cantidades”, asegura. Unha das estrelas destes días de festa é a ostra. Moita xente achégase á praza equipada co seu coitelo. Alí mercan e incluso poden abrila e comela no momento. Tamén poden levalas para a carpa e degustalas alí.
A pesares de estar satisfeito co impacto da festa na praza de abastos recoñece que como colectivo os praceiros poderían levar adiante máis iniciativas para coller máis peso na celebración. “Como asociación deberiamos facer máis. Aínda que a xente que pasa polo mercado multiplícase, os postos que venden carne ou outros produtos non se ven tan beneficados”, explica David. “O concello non fala con nós, pero tampouco o fai cos restaurantes, pero eles móvense e preparan cousas máis orientadas á Festa do Marisco nesa tempada. Seriamos nós os que deberiamos organizar algunha actividade... Ao fin e ao cabo, os negocios son nosos e temos que ser nós os que miremos por eles”.