Utilizamos cookies de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando aceptas el uso de éstas.

   Saber máis - Aceptar.

© PRAZAS E MERCADOS. FEDERACIÓN DE PRAZAS DE ABASTOS DE GALICIA

FANEGA E CUARTILLOS

 


A aposta polo granel que medra en Elviña

Fanega e cuartillos

 

 

A de Miguel García e Nuria Santos, responsables de ‘Fanega e Cuartillos’, no mercado coruñés de Elviña, é unha historia de continua reinvención. Coñecéronse en Lugo cando estudaban Enxeñería en Topografía e, ao rematar a carreira pasoulles como a tantas outras persoas da súa xeración: cruzóuselles a crise económica no camiño. “A obra civil estaba paralizada, así que estivemos varios anos con traballos precarios. Non nos gustaba o que estabamos facendo”, recorda Miguel.

Decididos a rachar con este período, en decembro de 2013 comezaron a dar forma a un novo proxecto. “Meus pais e meus avós sempre mercaron en pequenos negocios e mercados de abastos, e miña muller tamén se criou nese ambiente de praza”, explica Miguel. “Empezamos a pensar en montar unha froitería ecolóxica. É algo que está de moda e que preocupa ao consumidor. Pero entón xurdiu unha oportunidade en Elviña”. O único problema era que o posto dispoñible non podía acoller unha froitería, así que volveron reinventarse e apostaron pola venda de produtos galegos e a granel.

Neste punto naceu ‘Fanega e Cuartillos’. “É unha tenda de alimentación, tipo ultramarinos”, asegura Miguel. “A idea do nome viu pola nosa filosofía de apostar polos produtos a granel. Ademais, a gran maioría son artesáns e galegos. É a nosa forma de diferenciarnos”. Legumes, froitos secos, chocolates, especias, café, algas deshidratadas, fariña… todo ten o seu espazo neste posto do Mercado de Elviña, pero un dos seus puntos fortes é a venda de pan. Este é un dos produtos máis populares que tamén lles serve de reclamo para dar a coñecer a súa ampla oferta. “Traballamos con cinco panaderías diferentes e temos clientela que vén todos os días a buscar o pan a diario. Así podemos ofrecerlles outros produtos e que ve vexan o que temos”, explica este praceiro.

Despois de cinco anos, o posto de Nuria e Miguel xa ten unha clientela fixa que foi medrando co tempo. Tanto que o proxecto inicial de ‘Fanega e cuartillos’ quédalles pequeno, polo que están a traballar arreo para ampliar. “É un espazo que está aberto, e cando temos moita xente fáisenos incómodo”, explica Miguel. “Con tanta mercadoría non nos podemos desenvolver con soltura e o cliente non visualiza ben os produtos que temos”. Coa xubilación dunha praceira veciña, xurdiulles a oportunidade de asumir tamén o posto do lado e dobrar así o espazo dispoñible para mellorar a experiencia da xente que se achega ata o seu local. Ademais, a intención desta parella é seguir medrando e aproveitar a ampliación do negocio para aumentar a súa oferta. Iso si, apostando sempre polo produto a granel.

“Estamos moi contentos coa evolución da nosa aposta e estamos tendo clientela nova”, asegura Miguel. El é dos optimistas, que confía plenamente no futuro das prazas de abastos. Recoñece que o horario único de mañá do Mercado de Elviña fai máis fácil que se achegue xente maior e xubilada que doutras franxas de idade, pero tamén confía en que a aposta por produtos variados e de calidade sirva como reclamo para ese público que aínda se resiste. “Nestes cinco anos cada vez vendemos máis e se achega xente máis nova. Por iso somos optimistas e decidímonos a ampliar o negocio para seguir con esta aventura e co proxecto de ‘Fanega e cuartillos’”, resume ilusionado.

 

COMPARTIR