Utilizamos cookies de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando aceptas el uso de éstas.

   Saber máis - Aceptar.

© PRAZAS E MERCADOS. FEDERACIÓN DE PRAZAS DE ABASTOS DE GALICIA

MÁIS DUN SÉCULO DE VIDA DA PRAZA DE ABASTOS MÁIS ANTIGA DE GALICIA

 
Máis dun século de vida da praza de abastos máis antiga de Galicia

As prazas de abastos teñen un forte arraigo en Galicia. O importante peso dos frescos (peixe, carne, verdura) na nosa gastronomía e o papel dos mercados como principal escaparate do produto de proximidade, fan delas unha parada obrigada para coñecer a idiosincrasia do pobo galego.

Na actualidade, Galicia conta con 102 prazas en activo. Pontevedra é a provincia que conserva máis, con 51 repartidas polo seu territorio. Na Coruña mantéñense 36, mentres que o número cae de xeito importante nas zonas do interior: 8 en Ourense e 7 en Lugo. Cifras que poden ser indicativas do estreito vínculo que existe entre os mercados e o peixe fresco.

As prazas de abastos como as coñecemos hoxe en día son herdeiras directas dos mercados que se celebraban nos pobos. Facíanse para vender excedentes das materias primas que se producían nas casas e sempre nas prazas máis importantes das vilas por ser as zonas máis transitadas. Xa antes de que se unificaran os postos dentro de moitos dos edificios que coñecemos hoxe en día, os mercados exercían un importante papel dinamizador e revitalizador dos centros urbanos. Non en van, eran o lugar onde se podían atopar produtos frescos sen necesidade de facer longos desprazamentos.

Se buscamos o mercado de abastos máis antigo de Galicia, temos que mirar cara a cidade da Coruña. Atopámolo na Praza de Lugo, co nome de Eusebio da Guarda, o filántropo que doou no seu testamento os cartos necesarios para a súa construción. O edificio inaugurouse en 1910, converténdose nun dos enclaves con máis vida da cidade coruñesa. Remodelouse nos anos 60 e no 2005 construíuse de novo, conseguindo o aspecto moderno que ten na actualidade. Hoxe en día acolle máis de 150 postos que funcionan de xeito continuo en pleno corazón da vila.

Os seus 109 fan do mercado da praza de Lugo o máis antigo de Galicia, pero non podemos deixar de lado o de Santiago de Compostela. A súa ubicación é a mesma dende o 1870; nese ano, os postos que estaban espallados por toda a cidade decidiron unirse aí para facilitar as compras. No 1937 comezouse a deseñar o edificio actual, que entrou en funcionamento no 1941.

 


Na actualidade, as prazas de abastos mesturan a tradición coa modernidade. Co paso do tempo e os cambios na sociedade moitas foron quedando esquecidas. Foron vítimas dos cambios nos costumes do consumo e, sobre todo, do vórtice urbanístico no que se sumiron a mediados do século XX gran parte dos concellos. Moitos deles comezaron a conceder licenzas a supermercados e grandes superficies sen ningún tipo de límite, prexudicando fortemente o comercio de proximidade que representaban os mercados. A pesares de todas estas trabas, conseguiron sobrevivir.

No ano 2016, a Dirección Xeral de Comercio da Xunta apuntaba que máis do 76% dos postos das prazas de abastos galegas están en activo, xerando emprego para seis mil persoas. As instalacións, pola súa banda, acumulan décadas ás súas costas: a idade media é de 62 anos. Hoxe en día, no marco de correntes que apostan polo consumo consciente e responsable e polo coidado da saúde a través da nutrición, os mercados están a vivir unha época de rexurdimento, reivindicando o papel que lles corresponde como dinamizadores e escaparates do mellor produto que se pode obter das nosas terras e dos nosos mares.