Dende o mes de marzo, o Mercado de Elviña conta cun novo posto. “Miñoca” uniuse á praza de abastos con Damián Dans á fronte desta iniciativa familiar. “Queriamos un nome que non indicara directamente o que temos”, explica. “Así que escollimos o dun animaliño galego”. En realidade, tralo seu letreiro atoparemos todo o que se precisa para preparar unha boa comida. “A nosa intención é ser un complemento para os postos de alimentación, vendendo utensilios relacionados co que hai no mercado”, asegura.
A idea naceu da intención da familia de montar un negocio de deseño de interiores. Foi evolucionando ata centrarse na cociña e, finalmente, ofrecer todo o que precisa a xente despois de facer unha compra: tixolas, olas, diferentes utensilios. Xurdiu a oportunidade de optar a un dos postos do mercado, e así rematou Damián, de 18 anos, en Elviña.
“A xente reacciona ben. Alégranse de ter un sitio para mercar, por exemplo, un descorazonador de mango”, comenta o praceiro. “Temos cousas específicas que ás veces só se conseguen por internet ou noutro tipo de establecementos”. Ademais, se o cliente precisa algo que non teñen no momento, intentan conseguirllo. A súa intención é ampliar a imaxe que a xente ten da praza de abastos. “Miñoca” é un exemplo de que van máis aló da alimentación de sempre, ofrecendo cada vez máis servizos aos clientes. “É unha especie de centro comercial pero máis de a pé, sen ter que ir ás grandes superficies que absorben o pequeno comercio”, reflexiona. No seu local, a xente atopará atención persoal, lonxe da venda masiva doutro tipo de áreas. Escoitan as necesidades e aconsellan, axudando a descubrir novas ferramentas para as cociñas dos clientes.
Por iso, a súa aposta polos mercados é clara. Lamentan que os concellos en xeral, e o da Coruña en particular, non axuden máis á súa promoción, pero confían na proxección futura das prazas de abastos. “A clave está en atraer xente nova”, explica. “Sobre todo agora, que se coida tanto a alimentación. Teñen que ir acostumándose pouco a pouco, e conseguiremos que lles guste máis o pequeno comercio que as grandes superficies”.
Damián Dans é un exemplo do relevo xeracional que tamén se dá do outro lado do mostrador, e que chega con ganas de reinventar as prazas de abastos para garantir o seu futuro. Neste camiño, ve as asociacións de praceiros como algo fundamental. “Estando nun espazo de pequenos comerciantes, tiñamos que pertencer ao conxunto, non ir pola nosa conta”, asegura. “Así as accións son grupais e apoiámonos entre todos”.