Cada vez máis, nas prazas de abastos os clientes poden atopar todo tipo de produtos. Entre as carnes, os peixes, as froitas e as verduras da máxima calidade, aparecen outro tipo de artigos que veñen ampliar a súa oferta. E é que as novas xeracións de praceiros veñen pisando forte. “Comprei toda a vida na praza. Tamén miña nai e miña avoa. Traballei durante 25 anos en cociña e sempre facía eu a compra nos mercados para ver o produto e escollelo”, recorda Martín Carricarte, unha das novas incorporacións no mercado coruñés de Montealto. Grazas a esta experiencia detectou unha carencia na praza e dela naceu a súa oportunidade de negocio. Decidiu abrir “Queixos e Cervexas artesáns”.
Hai algo máis dun ano que Martín fixo realidade o seu proxecto. “Dixen: cervexas artesás non se venden nas prazas. As que eu teño son de cercanía, feitas na mesma cidade da Coruña”, explica. “No caso dos queixos, nos mercados atopamos sempre os mesmos: do país, tetilla, San Simón e pouco máis. No barrio pasaba o mesmo, xa que non había ningunha queixería diferente. Así que me decidín a ofrecer máis variedade”.
No seu posto do Mercado de Montealto ábrense paso queixos como o Zamorano, o Mahón, o Idiazábal, o Roncal ou o Cabrales que, segundo Martín, antes só se podían atopar nas grandes superficies e nunca da mesma calidade. “Eu pido directamente ás queixerías e probo o produto”, asegura. “Ademais, os clientes teñen a oportunidade tamén de catalo antes de levalo. Se lles gusta máis, menos… doulle varios a probar e explícolles como se fai, de onde vén, o tipo de granxa que é…”. O seu obxectivo é que o cliente leve o queixo que mellor se adapte ás súas necesidades e gustos e, por suposto, que merque con todas as garantías e sabendo exactamente o que leva. Este trato cercano é para este novo praceiro unha das vantaxes que teñen as prazas de abastos respecto doutras grandes áreas comerciais. “Se son clientes de sempre, sabes os seus nomes, se están casados, se teñen fillos, como lles gusta o queixo… e así podes aconsellalos”, defende.
Martín non dubida do futuro das prazas de abastos, aínda que é consciente de que existen cambios que é necesario aplicar para adaptarse aos novos costumes dos consumidores. “Sería moi importante abrir polas tardes. A xente nova traballa polas mañás e só poden vir os sábados. Os supermercados abren e teñen clientes… por que non vai pasar mesmo nas prazas?”, pregunta. “Máis aínda coa calidade que ofrecemos e o trato moito máis cercano”.
Despois de abrir “Queixos e Cervexas artesáns”, tampouco dubidou á hora de sumarse ao proxecto da asociación de praceiros do Mercado de Montealto. “Os problemas que temos son os mesmos, e sempre é máis fácil falar coas administracións e cos organismos estando organizados e sendo unha soa voz”, asegura. Miguel tamén aposta por ofrecer unha imaxe de conxunto da praza e facer marca. “No mercado hai boa verdura, boa carne, bo peixe. O cliente ten moitos produtos para mercar, aínda que non veña coller meu queixo. Se non potencio o conxunto no que estou e ese conxunto morre, eu morro detrás”, reflexiona.