Ingredientes para 2 persoas:
- 400 gr. Albacora (peixe espada) en lombos
- 100 gr. Sementes de mapoula
- 100 gr. Azucre moreno
- 10 gr. Pementa
- 200 gr. Sal
- 200 gr. Confeitura de arandos
- Vinagre de mazá
- 2 gr. Xenxibre
- 10 Framboesas
Comezamos sacando os lombos do albacora, dos dous principais tentaremos lograr 4 ou 5 pezas rectangulares o máis uniformes posibles (se non se ten experiencia cortando peixe podemos pedirlle ao noso peixeiro que nolo faga).
Nun recipiente mesturamos ben o azucre moreno, a pementa e o sal. Imos introducindo os lombos, lixeiramente hidratados cun pouco de aceite de oliva, e rebozándoos a conciencia coa mestura, de maneira que esta quede impregnada uniformemente. Noutro recipiente colocamos as sementes de mapoula e realizamos a mesma operación, introducimos os lombos rebozados coa anterior mestura e procuramos que queden totalmente envolvidos polas sementes de mapoula.
Poñemos unha tixola a lume medio cun pequeno chorrito de aceite de oliva e imos pasando os lombos, sempre con espazo entre eles de maneira que non se toquen e procurando que non se queimen. Retirámolos con coidado a un recipiente e con suavidade botamos un pequeno chorriño de vinagre de mazá a cada un, colocámolos sobre unha táboa de corte e imos realizando cortes de maneira transversal.
Nun morteiro machucamos uns 3 gr. de xenxibre picado, 5 ou 6 framboesas, 1 cullerada xenerosa de confeitura de arandos, e un chorriño de vinagre de mazá (no canto dun morteiro podemos utilizar unha batedora).